jueves, 27 de abril de 2017

A ataxia SCA36, o mal sen cura da Costa da Morte

Esteiro do río Anllóns, na ría de Corme e Laxe. Á esquerda, varias aldeas de Cabana, onde naceu a SCA36.

Unha doenza neurodexenerativa que afecta á fala e ao aparello locomotor hérdase desde o século XIII en varias familias do litoral de Bergantiños

Por Manuel Rey | 27/04/2017

Un día, hai case vinte anos, un veciño díxolle ao irmán de Ramón Moreira algo semellante a isto: “Oíches, acabo de ver a teu irmán e parece que ía borracho de todo”. Se non foron esas palabras exactas, o que quería dicir, dun ou doutro xeito, era que a Ramón lle estaba pasando algo. A aquel home estrañáballe o seu xeito de camiñar e moverse, “porque eu non bebía nin bebo nin gota de alcol”, conta hoxe Ramón, que naquel momento tiña 45 anos. Por aquelas datas, este home, natural de Cabana de Bergantiños e residente na Coruña, traballaba como director comercial dunha multinacional. Pouco despois sufriu unha caída nunha rúa recta, lisa, sen fochancas nin pendentes, e rachou o pantalón. Algo pasaba. Era un dos portadores da SCA36, a ataxia da Costa da Morte, pero aínda non o sabía.

Hoxe, con 63 anos, a Ramón cústalle camiñar, moverse e vocalizar, e fala moi paseniño. Tivo que pedir a incapacidade e xubilarse con 53, porque aqueles primeiros problemas foron agravándose. Asume que antes dos 70 anos vai ter que empregar unha cadeira de rodas. Con todo, segue tendo un vocabulario amplo, constrúe perfectamente as frases e atopa as palabras precisas para contar con detalle a súa historia, mais algo ocorre no seu cerebro que desordena os seus movementos e provoca que a súa fala vaia a ralentí.

Algúns síntomas son a perda de equilibrio e audición e as dificultades na fala

A perda de equilibrio e audición e a dificultade para falar son algúns dos síntomas da SCA 36, a variante de ataxia que varios investigadores galegos descubriron hai menos de dez anos. Coñécese como “ataxia da Costa da Morte” debido a que gran parte dos enfermos e portadores son orixinarios dos concellos de Malpica, Ponteceso, Cabana ou Laxe, nesta zona do litoral galego onde o río Anllóns desemboca no mar debuxando unha fermosa enseada.

Ramón Moreira,
afectado pola SCA36.
“Nin mata nin doe“, di Ramón. De feito, as persoas que levan nos seus xenes a mutación “adoitan ser bastante lonxevos e ‘sanotes'”, segundo explica María Jesús Sobrido, científica da Fundación Pública de Medicina Xenómica e unha das principais investigadoras desta doenza. É o caso de José Moreira, o pai de Ramón, que faleceu o pasado marzo aos 95 anos de idade.

Dos cinco fillos que tivo José Moreira, dous deles (Daniel e o propio Ramón) herdaron a enfermidade. E igual ca eles, decenas de veciños e veciñas da volta padeceron e padecen estes mesmos síntomas.

A tardía aparición da SCA36 (a partir dos 40 anos), é outra das razóns que pode explicar que a doenza permanecera case agochada ata hai só uns anos. “Antes, a esperanza de vida era menor, e a calidade de vida era peor, así que esta ataxia quedaba ‘camuflada‘ por outros achaques propios da vellez”, conta Sobrido. Probablemente, moitos dos portadores desta enfermidade ao longo dos séculos morrían antes de que chegaran a manifestarse os seus síntomas.

Os primeiros casos estudados

A mediados dos anos 90 comezaron a chegar ao hospital de Santiago de Compostela pacientes da Costa da Morte con eses síntomas en común. Atendeunos o doutor Manuel Arias, xefe de Neuroloxía do CHUS. “Había detalles que nos levaron a pensar que aquela tiña que ser unha enfermidade nova, non rexistrada ata o momento. Fun arquivando os casos e acabei contactando con María Jesús Sobrido“, lembra o doutor Arias. A investigadora, que estaba a piques de marcharse aos Estados Unidos a completar a súa formación, comprometeuse a involucrarse no asunto cando volvera a Galicia.

Neses anos xa se coñecían os estudos xenéticos dalgunhas ataxias espinocerebelosas (SCA), unha serie de trastornos dexenerativos que afectan tanto a homes como a mulleres e se herdan a través dos xenes dominantes. É dicir, abonda con que haxa unha soa copia da mutación, procedente do pai ou da nai, para que se manifeste a doenza, a diferenza da información situada nos xenes recesivos, onde se precisa que esa mutación se reciba dos dous proxenitores. A probabilidade de herdar a SCA36 é, por tanto, do cincuenta por cento. Os médicos comprobaron, non en tanto, que aqueles pacientes da Costa da Morte non eran portadores das mutacións xenéticas que se describían naquelas ataxias xa coñecidas nese momento en diferentes zonas do planeta.

En 2009, científicos galegos confirmaron a existencia da doenza; tres anos despois, atoparon a mutación

En 2005, ante a evidencia de que aquela enfermidade era relativamente homoxénea e estaba concentrada nunha mesma zona xeográfica, Arias e Sobrido, coa colaboración da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que dirixe Ángel Carracedo, puxeron en marcha un estudo sobre o terreo coas persoas afectadas e o seu entorno familiar e veciñal. “Nese momento non podiamos aplicar aínda as técnicas de secuenciación masiva que utilizamos hoxe, polo que a análise dos xenes foi máis lenta. Había que facer un estudo de ligamentos, así que precisabamos recoller o maior número posible de xenomas das familias afectadas e do seu entorno”, lembra Sobrido. Case como buscar unha agulla nun palleiro.

Foi unha investigación “amateur“, conta Manuel Arias botando a vista atrás. “Iamos á Costa da Morte os sábados, por conta propia, quitándolle tempo ao noso tempo libre e con poucos recursos”, lamenta. “Por desgraza, como moitas das cousas que se fan a nivel científico neste país”. María Jesús Sobrido lembra que puideron botar a andar co traballo grazas ás axudas á investigación que naquel momento (agora xa non) convocaba a Consellería de Sanidade.

Mentres os científicos avanzaban coa súa parte do traballo, Ramón Moreira comezou unha carreira contra o reloxo e contra o avance da ataxia que o ía ensumindo. Quería axudar a botar luz sobre a doenza. Percorreu numerosos arquivos parroquiais e encheu a súa casa de copias de documentos históricos para acabar compoñendo unha gran árbore xenealóxica das familias afectadas, o que lle facilitou moito o traballo aos investigadores. Así descubriu, por exemplo, un testamento de mediados do século XIX no que se indicaba que un antepasado seu estaba enfermo, cuns síntomas moi semellantes aos da ataxia da Costa da Morte.


Testamento do século XIX no que se 
describen síntomas semellantes aos da SCA36. 
Arquivo de Ramón Moreira.
Con estes achados, en 2009, os científicos conseguiron confirmar a existencia da SCA36. E tres anos despois, no 2012, publicouse na revista Brain o descubrimento da mutación causante da enfermidade. “Fíxose un estudo de ligamento e fomos vendo que trazos eran os que compartían os afectados. Fomos achegándonos ata que o localizamos no xen NOP56, situado no brazo curto do cromosoma 20“, explica o doutor Arias.

Entre os asinantes, ao lado de Ángel Carracedo, Manuel Arias, María Jesús Sobrido e outros investigadores como María García Murias, autora dunha tese sobre a SCA36, figuraba tamén o nome de Ramón Moreira, en agradecemento ao seu denodado esforzo na procura da documentación histórica.

Analizando a expansión da mutación, pódese determinar o número de xeracións que transcorreron desde o primeiro antepasado común. No traballo estimábase que a orixe da alteración que causa a ataxia da Costa da Morte ocorrera, como mínimo, no século XIII, xa que o antepasado en común máis recente existiu hai 25 xeracións.


Situación do xen NOP56
no cromosoma 20 e detalle da mutación da SCA36.
Grazas ao traballo dos investigadores, hoxe xa é posible facer un diagnóstico precoz nos portadores e, deste modo, poder dar consello xenético con vistas á posible reprodución. Así, evitarase que os descendentes puideran herdar a ataxia.

Agora, os investigadores da ataxia da Costa da Morte, atópanse inmersos nunha nova fase do estudo, na que analizan como se empeza a manifestar a enfermidade no cerebro, para detectar se nalgúns casos aparece algunha disfunción cognitiva ou emocional. Con todo, polo de agora non ten cura nin tratamento médico.
O único que se pode facer contra ela, amais do traballo investigador, son sesións de rehabilitación con exercicio físico, fisioterapia e logopedia.

Di a doutora Sobrido: “Temos por diante a parte máis complexa. Xa sabemos onde está a avaría, pero non sabemos por que produce esta doenza. Debemos comprender por que se atrofian as células do cerebelo. Hai indicios e hipóteses, pero queda moito por andar para comprender os mecanismos celulares”.

Traballan en varias hipóteses, ou nunha combinación destas posibilidades. Unha delas é a idea de que a expansión do xen NOP56 xera substancias compostas por aminoácidos, denominados oligopéptidos, que son tóxicas, pero que só afectan ás neuronas, e producen síntomas que padecen os pacientes de SCA36. Por outra banda, existe a opción de que a mutación teña ‘secuestrados‘ algúns xenes encargados da actividade cerebral e que, por tanto, os seus nucleótidos non se estean xerando correctamente; de aí o dano cerebral.

De cara ao futuro, e mentres non se consiga bloquear a expansión da mutación, o obxectivo e facer un ensaio clínico con medicamentos neuroprotectores para intentar frear a enfermidade. “Nas doenzas neurodexenerativas é básico retrasar a súa aparición, e imos intentar frear o avance da SCA36 na xente que aínda non ten moitos síntomas”, explica o doutor Arias.

Pola súa banda, o equipo de María Jesús Sobrido tamén traballa coa grupo da xenetista Laura Sánchez Piñón para desenvolver un modelo experimental con peixes cebra que poida afondar no coñecemento da SCA36.

Para os científicos, os enfermos e as súas familias, o 2018 está marcado en vermello. No mes de xuño do ano que vén, Cabana de Bergantiños, o lugar de orixe da meirande parte dos pacientes, acollerá o segundo congreso mundial sobre a SCA36. Os ollos de moitos expertos, dos medios de comunicación e das institucións encargadas de financiar as investigacións estarán postos na Costa da Morte. “Precisamos apoio”, resume Manuel Arias.


A incógnita do vínculo con Xapón

O congreso de Cabana será o segundo, porque o primeiro foi en Xapón. Naquela illa, na zona do río Asida, preto de Hiroshima, atópase unha incógnita que os investigadores galegos e nipóns procuran despexar. Hai unha enfermidade moi semellante, que de feito recibe o mesmo código científico. A mutación é a mesma, como noutros casos de SCA36 rexistrados en lugares tan dispares como o norte de Italia, Polonia ou a provincia de Albacete.

Os enfermos xaponeses -tamén hai casos rexistrados en Taiwan, antigamente Formosa, cun importante pasado colonial español e portugués- teñen máis afectada a facultade motora, posiblemente pola súa diferente constitución física, cun corpo máis delgado e fibroso. Aínda está por confirmar cal é a mutación que xurdiu antes. A teoría de Ramón Moreira é que, nalgún momento, un mariño ou pasaxeiro galego portador da ataxia da Costa da Morte se enrolou nun barco con destino a Oriente e levou consigo a mutación a esta zona do planeta.

Nesta liña, María Jesús Sobrido tamén ve dúas posibilidades. Sábese que foi unha única mutación, pois é idéntica en todos os casos, pero hai dous camiños. Un é o que propón Ramón Moreira, a viaxe dun portador da SCA36. Publicado aquí: http://blog.ataxias-galicia.org/2012/04/la-sca-36-de-chugoku-es-de-origen.html
E, por outra parte, segundo apunta Sobrido, é posible que a mutación xurdira en varios lugares de xeito independente e en distintos momentos da Historia, sen ter orixe nun único individuo.

Fuente: http://www.gciencia.com/saude/sca36-ataxia-da-costa-da-morte/

No hay comentarios:

Publicar un comentario