lunes, 18 de septiembre de 2017

O xornalista de GCiencia Manuel Rey gaña o Premio Galicia de Xornalismo Científico

Manuel Rey Pan, redactor de GCiencia.


O redactor do Portal da Ciencia Galega recibe o galardón da Academia Galega de Ciencias pola súa reportaxe sobre a Ataxia36 na Costa da Morte

Por Redacción | 18/09/2017

O xornalista de GCiencia Manuel Rey Pan é o gañador do Premio Galicia de Xornalismo Científico, que concede a Real Academia Galega de Ciencias, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia. Manuel Rey acadou o galardón pola súa reportaxe:  A ataxia  SCA36, o mal sen cura da Costa da Morte, publicado o 27 de abril de 2017 en GCiencia. O xurado destacou a calidade deste traballo xornalístico, que analiza as características desta doenza de orixe xenética propia da Costa da Morte.

Manuel Rey Pan (Carballo, 1989) é redactor de GCiencia desde maio de 2016. Anteriormente traballou en La Voz de Galicia e Radio Voz entre 2012 e 2015. É graduado en Periodismo pola Universidad Pontificia de Salamanca, Máster en Edición Periodística pola Escola de Medios de La Voz de Galicia e Máster en Comunicación Política pola Universidade de Santiago de Compostela.

O Premio Galicia de Xornalismo Científico, dotado con 4.000 euros, será entregado a Manuel Rey nun acto con motivo do Día da Ciencia en Galicia, que se celebrará en Compostela o vindeiro mes de outubro.

Rey amósase “moi contento, tendo en conta a cantidade e a calidade do xornalismo científico que se fai en Galicia, e por ser recoñecido por unha institución como a RAGC”. Tamén comparte a ledicia polo premio con GCiencia: “Alégrome moito tamén polo proxecto de GCiencia, que demostra que a ciencia interesa se se conta con ilusión e paixón, e que o galego ten moito futuro en todos os sentidos”. Sobre a súa reportaxe, centrada na Ataxia SCA36, Rey pensa que “oxalá contribúa a facer máis visible o traballo contra esta enfermidade, porque afecta a xente de aquí e o mérito é de investigadores galegos, que seguen traballando para mellorar a vida dos doentes”.

Para leer el reportaje premiado pulsar sobre el siguiente enlace:
A ataxia SCA36, o mal sen cura da Costa da Morte

Fuente: http://www.gciencia.com/ciencia/gciencia-manuel-rey-premio-galicia-xornalismo-cientifico/

No hay comentarios:

Publicar un comentario